Wednesday 08 de May de 2024

Trenor subliña as vantaxes do Bono Deporte de 120 euros ante as entidades deportivas de Costa da Morte


— Permitirá ás familias sufragar compras de material, equipamiento, asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas

— O delegado da Xunta tamén explicou as diferentes liñas de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte para promocionar a práctica deportiva

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta mañá con representantes das entidades deportivas da comarca de Costa da Morte. No encontro destacou o presuposto récord da Secretaría Xeral para o Deporte con 56 millóns de euros, un 27% máis que os 44 millóns deste exercicio. Trenor lembrou que neste ano 2023 o orzamento da Xunta xa rexistrou unha cifra récord cun incremento do 36% respecto ao ano anterior.

O delegado da Xunta subliñou que este ano concedeuse unhas novas axudas dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.

En total na comarca de Bergantiños-Costa da Morte foron 11 os concellos beneficiados por algunha das dúas liñas -instalacións ou equipamentos- ou con ambas as dúas por un importe de máis de 457.000 euros. Concedéronse 19 axudas entre a primeira e a segunda convocatoria desta orde que mobilizaran un investimento de máis de 715.000 euros. Concretamente, os municipios de Corcubión, Dumbría, Zas, Cee, A Laracha, Cerceda, Vimianzo, Ponteceso, Muxía, Laxe e Camariñas.

Así mesmo, destacou que da orde dirixida a entidades deportivas para apoiar o desenvolvemento das súas actividades, este ano, recibiron axudas 43 entidades desta área por un importe de máis de 60.000 euros.

Bono deporte
O representante do Goberno autonómico tamén explicou as novidades do Bono Deporte, que contará cun investimento de 16,2 millóns de euros para sufragar con bonos de 120 euros tanto as compras de material e equipamento deportivo como a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas. Descontarase un 80% de cada compra ata esgotar os 120 euros.
Este Bono poñerase en marcha o próximo xaneiro dirixido a menores de 6 a 16 anos que practiquen algunha disciplina deportiva con licenza federada ou estean inscritos no programa Xogade que conta con 17 actividades e 39 federacións adheridas.

Esta nova liña de axudas destinarase a compras de material e equipamento deportivo, así como a asistencia a clases ou a realización de calquera actividade deportiva na comunidade

Trenor resaltou que esta medida contribúe a fomentar a práctica de actividade física entre os máis novos, impulsa o comercio galego e apoia ás familias. Ademais, lembrou que se mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos de entre 6 e 16 anos. Galicia é pioneira nesta medida que supoñerá ata 2024 un desembolso de 4,3 millóns de euros. Nos orzamentos do próximo ano destínase ao programa 3,3 millóns de euros, dos que 2,5 corresponden á anualidade do seguro deportivo, 630.000 euros á actividade deportiva e 180.000 euros en apoio ás agrupacións deportivas escolares participantes.